Riotorto e Trabada, entre os nove primeiros concellos galegos que contarán con Plan Básico Municipal

O documento, pensado para concellos de 5.000 habitantes, permitirá aos municipios ter unha normativa urbanística básica, vixente ata a necesidade de elaborar un PXOM

Xuntanza. AXM

A Xunta de Galicia vén de pechar o contrato polo que se redactarán oito Plans Básicos Municipais (PMB) doutros tantos concellos galegos, entre eles os de Riotorto e Trabada.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, presidiu este martes unha reunión entre representantes das administracións locais e os equipos redactores, co fin de coordinar os traballos de redacción desta figura que xa recolle a Lei do solo.

Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río, Ribeira de Piquín e Triacastela son os outros municipios que disporán desta ferramenta, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e pensada para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamento xeral.

DEZ MESES PARA A REDACCIÓN

Rivas sinalou que estes concellos -xunto co do Páramo– serán os primeiros municipios en contar con este instrumento de planeamento, pois as empresas dispoñen dun prazo de dez meses para redactar ditos plans básicos municipais, que se basearán no traballo piloto que leva a cabo a Consellería para a tramitación do PBM do Páramo.

O PÁRAMO, PROXECTO PILOTO

O PBM dotará aos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes dun instrumento urbanístico básico que lles permitirá ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

ORDENACIÓN BÁSICA

Rivas engadiu que o PBM dotará a ditos concellos dunha ordenación básica, cuxa formulación, tramitación e aprobación corresponde á Comunidade Autónoma, en colaboración e coa participación dos concellos, e que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) polo respectivo municipio.

NORMATIVAS APROBADAS NOS 90

A directora xeral de de Ordenación do Territorio e Urbanismo trasladou que esta é unha boa nova para 37 concellos galegos susceptibles de dotarse dun PBM, xa que moitos deles réxense na actualidade por unhas normas provinciais de planeamento aprobadas na década dos 90.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here